Páginas

terça-feira, 21 de maio de 2013

O ENTROMETIDO


Finxín camiñar distraído. À beira do río, con aquela friaxe, xa ao serao, sería complicado que cabo duns minutos ficase alguén na rúa. Ameazaba con nevar. Só había ter un chisco de paciencia, se cadra aturar a friaxe apoiado na baranda que daba sobre o río. As únicas testemuñas serían os patos e, talvez, nin eles.

Os meus cálculos foron correctos. Cabo de dez minutos non había unha alma e a luz dos farois da rúa era moi frouxa. Ollei ao meu derredor para comprobar que non había ser humano perto. Cando tiven a certeza de estar só, botei aquel vulto que levaba baixo o saio ao río. Sentín a auga acollelo. Despois, sen máis, comecei a camiñar lentamente de volta para a casa.

Mais mal camiñara quince pasos cando alguén chamou por min às miñas costas:

"Oia, oia, señor", chamábanme. "Caeulle isto ao río, mais por sorte vinllo caer".

Que o vira caer? Mais non se decatara que eu propio o botara? Porén, vireime e puxen un sorriso de agradecemento.

"Obrigadísimo, estoulle moi grato por telo recuperado das augas", dixen finxindo recoñecemento por aquel estraño que fora capaz de se meter no río para recoller o maldito vulto e correra contra min todo enchoupado malia a friaxe.

El alongoume o vulto. Eu recollino. Desenvurullei o paquete e recollín a miña alma. Despois púxena de novo, como un casaco, como se nada tivese acontecido, mentres comezaba a maquinar outro plano para me desfacer da miña alma coa certeza de que ninguén ía estar perto para atopala, menos aínda o diabo.

Frantz Ferentz, 2013

Sem comentários: