Páginas

quarta-feira, 22 de maio de 2013

FAGA ALGO ÚTIL POLA SOCIEDADE

Mireia F., de vinte e nove anos, licenciada en paro e vagabunda, pedía esmola nunha ruela solitaria, a tremer de frío e xa sen sentir os berros desperados da fame nas súas tripas. O movemento da cidade caíalle algo lonxe, prefería non se achegar ao seu pasado cando ela tamén era unha vividora. Mais iso fora antes da crise. Agora era unha vítima máis, sen sequera subsidio e obrigada a durmir entre cartóns.

Daquela alguén ben vestido se achega a ela. Vai distraído. Prende un cigarro. De repente decátase da presenza da muller sentada no chao, co cartaz escrito en cartón onde pide esmola. O tipo ben vestido fai oscilar a súa vista entre a muller e o cartaz. Ela fica en silencio, encolleita, a tremer sempre por mor da friaxe. A luz do farol da rúa enriba dela permite ter unha visión clara da cena. Finalmente o tipo, despois de aspirar o fume densamente, comenta:

– Que vergoña. Tan xove e aí tirada. Teña coraxe, señorita. É unha vergoña vela ai tirada, traballe, traballe! Mire para min, banqueiro produtivo, home feito a si mesmo. E sabe por que? Porque nunca me rendín. E vostede? Non ten vergoña? Faga algo útil para a sociedade por unha vez na súa vida, faga algo útil polos demais!

E o tipo vírase cheo de desprezo, dá as costas à muller e segue o seu paseo. Mireia F. sente no seu interior que, no fondo, aquel tipo ten razón. "Faga algo útil para a sociedade", resoa no seu interior. Mireia F. érguese, achégase ao tipo que camiñaba lentamente e fumando. Todo acontece moi rápido. O tipo nota como o sangue comeza a lle caer desde a gorxa para o peito, o seu sangue quente. Non sabe que a coitela lle ten cortado a tráquea impecabelmente, non en vao Mireia F. estudara para veterinaria, algo aprendera. E mentres o tipo se desmorona morto no chao, ela volta para o seu recanto, para seguir a pedir esmola, mais polo menos queda satisfeita, à fin acaba de facer algo útil, acaba de eliminar un fillo da puta, e iso é facer algo bo pola sociedade.

Frantz Ferentz, 2013

Sem comentários: