Páginas

sexta-feira, 8 de março de 2013

OCORRENCIAS


Toda a súa vida, des que tiña lembranzas, sentira a súa vella tía falar de aforrar. Vivía nun caseirón de máis dun século, que mandara construír seu pai, o meu avó, indiano retornado con moitos cartos das Américas e que despois deixou moreas de diñeiro á miña tía (miña nai, en troques, non quixera saber nada do diñeiro e escolleu casar cun mariñeiro que logo foi meu pai). A miña tía, aínda que non quería saber nada da súa irmá, si quixo saber de min. Se cadra porque en se achegando a velleira, sentíase demasiado soa e vulnerábel, algo que ela trataba de disfarzar con capas de maquillaxe, vestidos de había cincuenta anos, ares de marquesa e un carácter endiabrado. Porén, o que máis me asombraba dela era como acumulaba cartos. Fora capaz de triplicar a fortuna orixinal do avó. Aínda hoxe non sei como o facía, mais a cada pouco, a súa conta bancaria engordaba. O máis estraño de todo era que ela non tiña fillos, non tiña herdeiros. De feito, non pensaba que eu mesma recibise praticamente nada dela, se cadra algúns terrenos de pouco valor que a vella tería a ben doarme. Porén, a miña curiosidade ía en aumento con aquela acumulación de bens materiais, de diñeiro, cando a miña propia tía ben sabía que a súa fin estaba perto, que non levaría os cartos para o outro lado. E foi así que, mesmo a risco de parecer demasiado interesado en eu levar unha tallada daquilo, lle preguntei porque seguía a encher a conta bancaria de cartos, ao cal ela me respondeu con toda a serenidade que lle permitía aquela súa cabeza capaz de esquecer por un bo anaco os seus apelidos:

– Que para que tanta riqueza acumulada? Pois déixame dicirche para que. Para ter o mellor cadaleito destas terras, e que todos rabien de envexa cando saiban que vou apodrecer entre madeiras de arce e de teixo. Para iso, filliña, para iso...

E non se voltou a falar máis do asunto.

Frantz Ferentz, 2013




Sem comentários: