Páginas

quinta-feira, 7 de março de 2013

O MELLOR AMIGO DA MULLER


A muller acariñaba o seu can con tenrura. Era sen dúbida o ser que máis amaba nesta vida. Non lle parecía estraño, despois dos anos, que aquel can, de raza indefinida, onde se mesturaban trazos de carlino, chihuahua e outras especies de cans miúdos, fose o seu máis leal amigo e compañeiro. Gustaba de ver os filmes con el sentado no sofá ao seu carón e sempre que chegaba á casa máis tarde do horario habitual, o can estaba sentado sobre o seu cu no medio do corredor e ollaba para ela aínda con máis cara de anoxo que a que tiña por natureza e até lle largaba un ladrido breve que deixaba notar a súa total desaprobación. Partillaba con el as comidas, até lle tiña un prato na mesa onde o can comía. Non chegou a lle pór talleres, evidentemente, o can non podería usar o garfo, o cullar e o coitelo, xa era demasiado, mais polo resto, comía con ela, nada de no chan. Cando tiña un mal día no traballo, ela contáballo entre bágoas e el se mantiña en silencio, cos ollos espetados nela, a escoitala. El, o can, entendíaa, amábaa, á súa maneira, tanto que às noites quedaba fronte à xanela para ladrar às estrelas, para agradecer ao cosmos vivir na casa. Diso estaba ela segura.

Porén, que lonxe estaba ela de imaxinar que o can non ría porque non tiña maneira fisiolóxica de facelo, mais non había día que non abraiase coas neuras daquela paisana que o trataba coma un humano e até lle puña un ridículo babeiro à hora de comer. E canto ría cos colegas caninos cando, à noite, ladraba desde a xanela e lles contaba como o trataban. Como ría el e como rían todos ladrando, à maneira dos cans, si, o can, o mellor amigo da muller.


Frantz Ferentz, 2013

Sem comentários: