Páginas

sexta-feira, 22 de junho de 2012

UN LÍDER PARA O POBO


— Temos un serio problema. O noso líder non convence. Mudamos de líder recentemente, mais nin co actual non conseguimos transmitir ao pobo a imaxe de que o noso líder é quen de dirixir os destinos da patria. Por tanto, temos que dar resolvido a cuestión da imaxe do líder inmediatamente. As eleccións non están lonxe e, se non presentamos un líder convincente, imos perder, que para iso somos o partido no goberno, aínda...

As palabras do secretario xeral do Partido Conservador caeron coma unha lousa sobre o comité executivo. Ninguén sabía o que dicir, todos tiñan medo de perder o seu cargo. Mais daquela un dos máis mozos da executiva, só un membro das mocidades do partido, sen mesmo ter rematado a carreira, pediu a palabra e anunciou:

— Amigos e amigas, non vos deixedes enganar pola miña idade. Ben coñezo este pobo de noso e sei o que pide. Só vos pido un voto de confianza, en todo caso, as enquisas electorais son nefastas para nós por mor da pouca fiúza que teñen causado os nosos líderes... Mais eu teño a solución. Sei como fabricar o líder que o pobo precisa.

Algo había na voz e nas formas daquela promesa do Partido Conservador. Todo estaba xa perdido, por que non experimentar algo á desesperada? Concedéronlle o voto de confianza.

E o milagre acaeceu. O pobo devolveu a confianza ao Partido Conservador, que arrasou nas eleccións. O novo líder gañou a confianza do pobo sabendo sempre dicir as palabras xustas, aínda que aparentemente xurdise da nada, mais da nada non xurdira, senón dun complexo programa informático coas cinco mil locucións sociais máis comúns gravadas —entre as cales estaban: "su tabaco, gracias", ou "ha elegido usted gasolina sin plomo 95"— que o computador utilizaba segundo as circunstancias e un boneco androide de barba branca e lentes repetía sen emocións, mais movendo as mans, os labios e as cellas.


1 comentário:

Reis Quarteu disse...

Era capaz de convencer muita gente! :-D