Páginas

domingo, 17 de junho de 2012

DE PROCESSIONE ET CEREVISIA


A procesión entra polo arco sur da praza maior, toda solemne. Primeiro, as mociñas vestidas de branco, despois a banda municipal de música, finalmente a imaxe da virxe aos ombros de dez homes. Solemne, todo solemne. A xente na praza érguese, pousan as súas bebidas nas mesas, en sinal de respecto. Mais non todos se erguen. Un home e unha muller seguen a gozar da súa cervexa sen se deixar inmutar pola solemnidade do momento. A xente arredor bisbea sobre a súa falta de respecto pola patroa da vila. Eles ignórano. A imaxe chega á súa altura, rodeada da música de trompetas histriónicas que a acompaña. Mais entre as notas de trompeta, óuvese claramente unha voz berrar: «Alto!». A imaxe da virxe fala. Os portadores detéñense. A voz volve a berrar: «Pousádeme». Os portadores obedecen. Perante a sorpresa de todos os presentes, máis dun centenar de persoas, a virxe baixa do seu pedestal. Achégase á parella que toma cervexas tranquilamente e espétalles:

— Por que todos se poñen en pé ao meu paso agás vós?

El encóllese, como se quixese que o engulise a terra.

Ela, en troques, non. Ela ergue o queixo e dille á virxe:

— Calma...

E sen esperar resposta, fai un aceno ao camareiro e bérralle:

— Outra cervexa con limón, en xerra de medio litro.

Ela ofrécelle unha cadeira á virxe ao carón deles. A virxe senta na mesa coa parella. Tráenlle a cervexa e comeza a beber lentamente, aos grolos curtos, mais seguidos. As súas roupaxes, o manto, cobren toda a cadeira. A xente toda segue en silencio. Todos contemplan a cena surrealista. Até que ela bebe toda a cervexa, pousa a xerra na mesa, sorrí á parella e volve a subir ao pedestal. E sen máis, berra: «Arriba e avante». A procesión retoma a marcha, as trompetas matan novamente a calma do serán, saíndo da praza maior pola porta norte.

El dille a ela:

 É incríbel, nunca podería ter imaxinado...

Ela interrómpelle:

 Incríbel? Por que? Porque tomou a cervexa rebaixada con limón? Eu ben sei que por moi a virxe que sexa, non a podía tomar soa, ía marearse, e máis aí enriba... Ademais, por que cres que chora tanto? A coitada só quería unha cervexa, que tamén son muller e entendo diso.

E ela toma un longo grolo á súa cervexa.

© Frantz Ferentz, 2012

Sem comentários: