Páginas

sexta-feira, 22 de junho de 2012

UN LÍDER PARA O POBO


— Temos un serio problema. O noso líder non convence. Mudamos de líder recentemente, mais nin co actual non conseguimos transmitir ao pobo a imaxe de que o noso líder é quen de dirixir os destinos da patria. Por tanto, temos que dar resolvido a cuestión da imaxe do líder inmediatamente. As eleccións non están lonxe e, se non presentamos un líder convincente, imos perder, que para iso somos o partido no goberno, aínda...

As palabras do secretario xeral do Partido Conservador caeron coma unha lousa sobre o comité executivo. Ninguén sabía o que dicir, todos tiñan medo de perder o seu cargo. Mais daquela un dos máis mozos da executiva, só un membro das mocidades do partido, sen mesmo ter rematado a carreira, pediu a palabra e anunciou:

— Amigos e amigas, non vos deixedes enganar pola miña idade. Ben coñezo este pobo de noso e sei o que pide. Só vos pido un voto de confianza, en todo caso, as enquisas electorais son nefastas para nós por mor da pouca fiúza que teñen causado os nosos líderes... Mais eu teño a solución. Sei como fabricar o líder que o pobo precisa.

Algo había na voz e nas formas daquela promesa do Partido Conservador. Todo estaba xa perdido, por que non experimentar algo á desesperada? Concedéronlle o voto de confianza.

E o milagre acaeceu. O pobo devolveu a confianza ao Partido Conservador, que arrasou nas eleccións. O novo líder gañou a confianza do pobo sabendo sempre dicir as palabras xustas, aínda que aparentemente xurdise da nada, mais da nada non xurdira, senón dun complexo programa informático coas cinco mil locucións sociais máis comúns gravadas —entre as cales estaban: "su tabaco, gracias", ou "ha elegido usted gasolina sin plomo 95"— que o computador utilizaba segundo as circunstancias e un boneco androide de barba branca e lentes repetía sen emocións, mais movendo as mans, os labios e as cellas.


quinta-feira, 21 de junho de 2012

O PSICÓLOGO, A VELLA E A TROMPETA

Arsenio sempre se considerou un excelente psicólogo capaz de suxestionar as persoas como ninguén. O problema de ser un óptimo suxestionador é que se é as vinte catro horas do día e tamén na propia habitación. Talvez por iso, os choros constantes da viúva do Arsenio levaron a dona del a lle pedir que lle dese unha man, porque era insoportábel escoitar tanta lamentación daquela vella, día e noite. A dona do Arsenio, a Flor, sentía unha especial mágoa pola anciá, mais ao mesmo tempo os seus prantos eran desesperantes, porque por mor dos muros de papel de fumar dos apartamentos, ouvíase todo. O Arsenio e a Flor tiveron a idea de levar a anciá a un refuxio de animais para que escollese unha mascota, tiñan a certeza de que en escollendo un can, a súa vida miserábel se tinxiría de cor. O Arsenio non tivo moitos problemas para convencela de que os acompañase a un refuxio fóra da cidade, onde lles darían un can de balde. Mais o destino fixo que por mor dunha avaría mecánica no auto do Arsenio houbesen deterse noutra parte, casualmente ao lado dun mercado ao ar libre. E alí aconteceu o milagre. A anciá descubriu unha vella trompeta.

— Quero esa trompeta...

Non houbo maneira de convencela de que era absurdo mercar a trompeta, ela non sabía tocala, loxicamente, mais teimou coma unha nena cativa, até chorou. Ademais, ela tiña cartos de máis para mercala e mercouna.

— E agora que? —preguntoulle a Flor ao Arsenio.

Para o psicólogo só quedaba unha opción: utilizar a súa inmensa capacidade de suxestión. Falou coa veciña até convencela de que era quen de tocar. Díxolle que se a trompeta aparecera na súa vida era porque tiña que saber tocala. E así foi. A vella colleu a trompeta entre as súas mans e comezou a facer soar uns acordes de jazz como se tivese vivido toda a vida en Nova Orleáns.

E talvez aquilo foi peor que os prantos. A vella pasaba o día e a noite a soar a trompeta. Até compuña as súas propias pezas dun xeito maxistral. O enfastío alcanzou ao resto do predio, mais a vella, entusiasmada na música, non ouvía ninguén, só tocaba e tocaba a súa vella trompeta.

Arsenio, ao bordo da tolemia por non durmir, acudiu ao apartamento da anciá e comezou unha sesión de suxestión. Díxolle que se enganara, que ela pensaba que sabía tocar a trompeta, mais que realmente non sabía. Foi inmensamente convincente, como el ben sabía ser. A vella fitaba para el coa boca aberta, sen ser quen de dicir unha palabra. Cando o Arsenio rematou a súa sesión, ela tentou tocar de novo. Non sabía, era certo, non sabía tocar a trompeta, só sopraba ridiculamente sen ser quen de lle arrancar unha triste nota ao instrumento.

Por fin houbo silencio de notas. Cando parecía que ía volver a paz, volveron en troques os prantos, mais daquela aínda máis intensos, acompañados de suspiros que mesturaban frases da anciá que dicía que xa non quería vivir. A Flor espantouse aínda máis e espetoulle ao seu home:

— O que fixeches?

O Arsenio sentiuse un miserábel. E se a vella se suicidaba de verdade? 

— Volve onda ela e convéncea de que si sabe tocar a trompeta. Xa o conseguiches unha vez.

Porén, nin o propio Arsenio era tan brillante como para convencer, desconvencer e volver a convencer. A mente da anciá veciña non ía aceitar tal empanada mental, podería estoupar.

— Non podo facer iso.

— E daquela?

Daquela só quedou unha opción. Convenceu todos os veciños do predio para pagaren à vella un curso de trompeta no conservatorio da cidade. Así, a anciá pasaba varias horas a dar aulas e aprendía os rudimentos da trompeta. De cando en vez, ensaiaba na casa, sopraba con enerxía, emitindo notas histriónicas, que, como sempre, seguían a atravesar aquelas paredes case simbólicas.

© Frantz Ferentz, 2012

domingo, 17 de junho de 2012

DE PROCESSIONE ET CEREVISIA


A procesión entra polo arco sur da praza maior, toda solemne. Primeiro, as mociñas vestidas de branco, despois a banda municipal de música, finalmente a imaxe da virxe aos ombros de dez homes. Solemne, todo solemne. A xente na praza érguese, pousan as súas bebidas nas mesas, en sinal de respecto. Mais non todos se erguen. Un home e unha muller seguen a gozar da súa cervexa sen se deixar inmutar pola solemnidade do momento. A xente arredor bisbea sobre a súa falta de respecto pola patroa da vila. Eles ignórano. A imaxe chega á súa altura, rodeada da música de trompetas histriónicas que a acompaña. Mais entre as notas de trompeta, óuvese claramente unha voz berrar: «Alto!». A imaxe da virxe fala. Os portadores detéñense. A voz volve a berrar: «Pousádeme». Os portadores obedecen. Perante a sorpresa de todos os presentes, máis dun centenar de persoas, a virxe baixa do seu pedestal. Achégase á parella que toma cervexas tranquilamente e espétalles:

— Por que todos se poñen en pé ao meu paso agás vós?

El encóllese, como se quixese que o engulise a terra.

Ela, en troques, non. Ela ergue o queixo e dille á virxe:

— Calma...

E sen esperar resposta, fai un aceno ao camareiro e bérralle:

— Outra cervexa con limón, en xerra de medio litro.

Ela ofrécelle unha cadeira á virxe ao carón deles. A virxe senta na mesa coa parella. Tráenlle a cervexa e comeza a beber lentamente, aos grolos curtos, mais seguidos. As súas roupaxes, o manto, cobren toda a cadeira. A xente toda segue en silencio. Todos contemplan a cena surrealista. Até que ela bebe toda a cervexa, pousa a xerra na mesa, sorrí á parella e volve a subir ao pedestal. E sen máis, berra: «Arriba e avante». A procesión retoma a marcha, as trompetas matan novamente a calma do serán, saíndo da praza maior pola porta norte.

El dille a ela:

 É incríbel, nunca podería ter imaxinado...

Ela interrómpelle:

 Incríbel? Por que? Porque tomou a cervexa rebaixada con limón? Eu ben sei que por moi a virxe que sexa, non a podía tomar soa, ía marearse, e máis aí enriba... Ademais, por que cres que chora tanto? A coitada só quería unha cervexa, que tamén son muller e entendo diso.

E ela toma un longo grolo á súa cervexa.

© Frantz Ferentz, 2012

quarta-feira, 13 de junho de 2012

ANÁLISES DE SANGUE


Carla recibiu a mensaxe de François: «Non volvas a París. Teño cancro». Mais Carla non ía deixar morrer a súa historia de amor así. Apañou o primeiro voo de Roma a París e chantouse por sorpresa na casa do François. El non a esperaba. Nin tampouco a súa acompañante, núa na cama xunta el.

— Daquela, tiñas cancro, non? —espetoulle ela

— Bo, enganáronse os médicos —retrucou el escondendo o seu corpo espido so as sabas—. Fixeron mal as análises de sangue, xa sabes...

— Téñoche algo mellor que o cancro, cabrón —dixo Carla fóra de si da que lle mostraba uns cairos de lobo de 20 cm.

Entón lanzouse sobre el mordéndolle o pescozo naquela noite de lúa chea, luxando as sabas de sangue. Cando ela rematou a trabadela, díxolle:

— E agora, vai facer unha análise de sangue e verás que sorpresa levas... 

E Carla marchou ouveando cara à lúa chea.




© Frantz Ferentz, 2012

O CRIME PERFECTO?


Jakub estaba satisfeito. Non podería ser descuberto, porque asasinar un amigo invisíbel era algo imposíbel de demostrar. O certo é que o motivo de ter matado aquel traidor de amigo invisíbel era que desde o seu perfil na rede social non facía outro que roubarlle as amigas, sobre todo as amigas. Cabrón.

Mais Jakub foi detido pola policía só unhas horas despois do crime. Nunca podería ter imaxinado que o seu amigo invisíbel, nos últimos estertores, fose capaz de escribir no muro do seu perfil que Jakub, o seu caro Jakub, acababa de asasinalo.


© Frantz Ferentz, 2012

terça-feira, 12 de junho de 2012

O QUE SE ESCONDE TRAS A PORTA

Xusto despois de abrir a porta, encontrei que penetraba noutra parte, algo que podería definir como outra dimensión. Abraiei. Atopeime nunha especie de fraga mesta. Por algunha razón pensei que tiña sufrido unha especie de viaxe iniciática, como a personaxe de Alicia. Se cadra, aquela novela non era fantasía, era real. Ou seica a mente do autor era a dun demente, como a miña, capaz de crear as cousas máis extraordinarias, e por iso vía pasar perante min aquela tartaruga con capacete que viaxaba nunha folla de loureiro como se fose unha alcatifa máxica, ou o elefante con botas de cosaco  que botaba burbullas pola trompa cada vez que ría con riso de hiena. Podía ser ou non unha paranoia, mais por acaso quixen reaxir rapidamente. Como aínda non dera ceibado a porta, esta non fechara, de modo que retrocedín e fecheina tras de min. Entón ollei para o cartaz que había naquela porta daquela taberna de Budapeste e que dicía: "Álomország". Pois é, agora estaba seguro de que aquilo non quería dicir: "baño de homes".


© Frantz Ferentz, 2012

sábado, 9 de junho de 2012

TODO SE REDUCE A UN CHEIRO (2)


[Esta historia é a segunda parte destoutra]

A Ljiljiana e Jana

Sebastian Schwarzmüller recebeu a mensaxe de convite da celebración do final do curso de romanés. Aquel venres, como todos os venres, como todos os días da súa vida, non tiña compromiso ningún, polo que decidiu ir pasalo cos colegas das aulas de romanés, aqueles que, cando el estaba ao seu carón torcían o fociño, aqueles que non aturaban o seu cheiro corporal, como se cada quen non tivese cheiros.

Sebastian Schwarzmüller acudiu à cervexaría onde ían celebrar a despedida do curso, nunha ruela preto da Porta de Brandemburgo, onde a cervexa sempre corría xenerosa. El levaba no seu cartafol aquela cantidade imposíbel de calcular de anacos de papel onde misteriosamente anotaba ideas, pensamentos, inspiracións que escribía para el só, mentres o resto dos colegas rían e falaban das bolsas de estudo que conseguiran. Sebastian, naquel ano, non levara ningunha, mais tanto lle tiña. O ambiente era o de sempre, o seu profesor estaba con eles (o profesor, que era máis novo ca el, cómico). Até que acudiu aquel colega do profesor, un docente da universidade de Oxford que estaba alí de ferias. Sebastian coñecíao, quería ir ter con el, porque aquel profesor británico era un experto en textos cuneiformes, unha das paixóns do Sebastian. Aí perdeu a súa compostura e comezou a pedir aos colegas que lle mudasen o sitio para estar o máis preto posíbel del.

— Boa tarde, profesor, lémbrase de min? Escribinlle hai pouco.

O certo é que lle escribira vinte e cinco veces naquel mes con teorías sobre a inspiración bíblica de Abraham en textos primitivos mesopotámicos, compuxera todo un manual, mais nunca non recibira resposta do profesor británico.

— Estou de vacacións, estou de vacacións... —repetía o docente de Oxford, perfectamente consciente da que lle viña enriba e ao bordo da desesperación, coa súa capacidade olfactiva a piques de sucumbir perante o cada vez máis achegado fedor do eterno estudante.

Con todo, Sebastian Schwarzmüller comezou a desenvolver a súa teoría, onde cría que Abraham, o profeta hebreo, fixera cursos de sacerdocio en Persia, e diso falaba e falaba o eterno estudante fedorento sen pausa. O docente de Oxford non sabía como cortar aquilo, o profesor de romanés tampouco, ás veces cruzaban olladas de desesperación, mentres o fedor invadía todo.

O fedor, como sempre, era o peor. Daquela a estudante que estaba sentada á beira do Sebastian tivo unha idea. Quitou do bolso uns frasquiños de mostra de perfume. Levábaos alí porque aquela mesma tarde llos agasallaran nunha tenda de Unter den Linden. Contemplou a paixón fedorenta do Sebastian ao falar, con aqueles anteollos que parecían pantallas de televisor e, asemade, a expresión de enfastío dos dous profesores, mais nin ela mesma era quen de aturar aquel cheiro penetrante e desagradábel, disque causado pola inxesta masiva de patacas, mais tamén polo odio visceral à ducha. Por iso, comezou a botar subrepticiamente os frasquiños de perfume polas costas do Sebastian, sen que este se decatase. Facíao devagariño, mais sen pausa. Foi baleirando aqueles pequenos frascos un tras outro, até que o aroma do perfume comeu o fedor do Sebastian, lentamente, mais continuamente. Cabo de cinco minutos, o cheiro na cervexaría era outro. O perfume fixera desaparecer o cheiro corporal do Sebastian, algo que todos os presentes notaron, porque dun xeito automático viraron a cabeza cara a el. O propio Sebastian tamén algo notou, porque o seu discurso ía esmorecendo lentamente, até ficar en silencio, absoluto silencio cando o perfume alcanzou o seu cenite. O Sebastian Schwarzmüller xa non puido falar. Ficou calado, inmóbil, a ollar para parede do fronte, como se lle tivesen quitado a súa enerxía vital.

Mais o efecto do perfume pasou cabo de cinco minutos e a estudante xa non tiña máis frasquiños de mostra. E xusto cando tornou o fedor corporal do Sebastian —a súa capacidade de o producir era inmensa e continua—, el recuperou a fala e voltou para o seu discurso mesopotámico. Entrementres, o serán esmorecía e daba paso a unha longa noite de signos cuneiformes que se espetaban nos narices daqueles que aínda se resistían a abandonar a cervexaría.



© Frantz Ferentz, 2012

sexta-feira, 1 de junho de 2012

SOSTÉN CERVANTES SAAVEDRA


Na sala de exames había polo menos 250 estudantes. Todos traballaban sobre un texto de Cervantes que debían comentar, todos espremían a siseira tratando de entender o que Cervantes, o insigne Cervantes, quería dicir naquel parágrafo do Quixote de complicada interpretación. Todos pensaban no escuro sentido do parágrafo, agás aquel que ollaba para o teito. A súa actitude atraeu a atención do tribunal de exame. Os profesores vixilantes dábanse golpes cos cóbados tentando que os seus colegas ollasen para aquel estudante, en aparencia normal, que tiña a vista posta no teito, mentres o resto dos seus compañeiros non separaban a vista do papel e escribían coma posesos.

Pasou así todo o exame, a ollar para as alturas. Até que o presidente do tribunal, un tipo de voz potente e autoritaria, se fixo ouvir case que maxestoso entre aquelas catro paredes ao anunciar que só ficaban cinco minutos. Xusto nese instante, o estudante en cuestión quitou os ollos do teito e comezou a escribir a unha velocidade vertixinosa, como un poseso, o cal non pasou desapercibido para o resto dos profesores do xuri. Tanto foi así que se sentiron curiosos por coñeceren o conteúdo da escrita daquel estraño estudante.

Despois da entrega dos exames, un dos profesores extraeu o exame do alumno aluado e comezou a lelo. Axiña chamou polo resto dos colegas, que se concentraron ao seu redor para comprobar como o exame estaba escrito cunha letra picuda e áxil. Mais o interesante veu despois, ao verificaren que o texto estaba escrito en español da época de Cervantes e comezaba dicindo: «Yo, Miguel de Cervantes Saavedra, quiero protestar energicamente a vuessas mercedes por las estupidezes dichas sobre don Quixote de la Mancha et el su fiel escudero Sancho Pança, porque...» e remataba coa inconfundíbel sinatura do insigne escritor de Alcalá de Henares.

© Frantz Ferentz, 2012