Páginas

quarta-feira, 16 de maio de 2012

A REBELIÓN DE VALERIA

Valeria chegara a Praga por asuntos do corazón e por asuntos do corazón era incapaz de marchar. Ela, croata, namorárase dun fotógrafo catalán que a arrastrara até o centro de Europa, mais que aos poucos a abandonara por unha polaca fea coma un ollomol, co cal a autoestima da Valeira sufrira un golpe duplo, o de ser abandonada e por riba ser substituída por unha muller tan terribelmente fea, porque Valeria era unha muller fermosa, diso non había dúbida. Aquel catalán que a abandonara era un fotógrafo excéntrico e egocéntrico. E aquela foi en certa medida a liña dos seus encontros en Praga durante os seguintes meses en que só podía sobrevivir á base de traducións ben mal pagas. Foron meses duros, moi duros, de pranto e morder as unllas, mais tamén de erguer a cabeza e saír á rúa con dignidade, de autoconvencerse e convencer a nai de que Praga pagaba a pena e non tiña a intención de tornar a Croacia, mais faltáballe tanto o mar, o seu mar, aquel Adriático da infancia... Entrementres coñecera máis homes. Porén, todos eles eran estraños, todos tiñan tamén un aquel de exóticos, de incomprensíbeis, todos lle lembraban aquel fotógrafo catalán que lle marcara a vida. Con todo, probou e desesperou.

Até que coñeceu o Jiří, un praguense... fotógrafo. Foi el quen a abordou no medio da rúa, na paraxe do eléctrico da que parolaba cunha amiga. Valeria nin puido resistirse, era o seu modo de vibrar enerxeticamente que atraía aquel tipo de homes. El, sen máis, achegóuselle e dixo que quería coñecela. El, un auténtico descoñecido! No principio ignorouno, despois sentiuse curiosa. Deulle o seu número de telemóbil. E aí comezou aquela estraña relación. Valeria tiña pavor de se apaixonar dun tipo coma aquel. Era tan estraño coma o fotógrafo catalán, doutro xeito, mais igualmente excéntrico. Tiña reaccións incomprensíbeis, por veces pasaba veladas deliciosas con el en que rozaba o paraíso e xusto despois el gardaba silencio, desintegrábase da realidade durante unha semana sen dar sinais de vida. E volvía, e ela quería estrangulalo, mais as súas mans só apertaban o ar. A relación ía a algures que non figuraba nin nos mapas nin nos manuais, Valeria non sabía o que quería ou o que non quería con el. Até que a compañeira de apartamento do Jiří explicoulle:

— Es a primeira muller que trae ao apartamento despois da bailarina...

A bailarina? El non lle falara de ningunha bailarina. Talvez fora unha relación anterior. Con todo, soaba a segredo, un novo misterio que envolvía aquel tipo de poucas palabras e moitas imaxes na cámara. El, nin sequera lle propuxera faceren o amor. Por que? Ela indagou, preguntoulle directamente. El só dixo que sería imposíbel explicalo, porque era unha súa manía. Salientou a palabra manía. Valeria sentiu como o corazón, para alén de latexar descontrolado, procuraba unha resposta ao significado de «manía», e máis concreto de manía sexual. O normal sería pensar que fose sadomasoquista, ou se cadra zoófilo. Outramente non se explicaba por que el non quería facer o amor con ela. A chave estaba na bailarina, había coñecer aquela muller para entender o que había de fondo. Mais como? A ocasión tívoa un día en que ía consultar o correo electrónico dela mais no computador del. Por acaso abriu unha xanela onde estaba o correo del aberto. Non puido evitar a tentación. Leu enderezos, nomes, até que atopou un que lle soou suxestivo de máis. Irina, rusa. Leu algunhas das súas mensaxes, só por riba, para confirmar que se trataba dela. Si, era ela. Apuntou o enderezo e escribiulle desde a súa casa. Non sabía como podía reaxir aquela muller, talvez se sentiría aldraxadas, anoxada polo feito dunha estraña entrar na súa vida así. Porén, a bailarina nunca non lle respondeu. A Valeria non volveu a tentar contactar con ela. E, entrementres, a relación co Jirí continuaba a vagar polos espazos da indefinición, a alternar o paraíso co po máis espeso da terra que ela comía despois de cada elevación. E na súa cabeza seguía a manifestarse aquela manía del, que non daba descuberto.

Por fin ela chantouse e díxolle que quería facer o amor, que daquela noite non pasaba e que lle importaba ben pouco cal fose a súa manía sexual, aquela incualificábel. Non podía comprender como aquel tipo podía seguir inmune ao desexo sexual, porque o tiña, diso non tiña ela dúbida ningunha. O Jiří gardou silencio. Finalmente reaxiu. Sen dicir unha palabra, ergueuse, colleu a súa cámara e comezou a espir Valeria devagar. Ela deixouse facer, aquel modo de actuar excitábaa. E cando ela estivo núa sobre o leito, el comezou a fotografala. Ela deixouse facer. Porén, cando a fotografou completa, retirouse ao seu obradoiro. Ela quedou soa e espida na cama sen entender. Mais agardou. Cabo dunha hora el volveu ao cuarto. Levaba na man todas as fotografías que quitara dela. Aínda sen dicir unha palabra, comezou a colalas sobre a pel dela, de maneira que cada foto caía exactamente sobre a parte do corpo correspondente. El espiuse tamén e deitouse enriba dela, mais os seus corpos non se tocaban directamente porque estaban separados polo papel mate das fotografías. El comezou a mover a súa pelve e xemer excitado. Ela deixábase facer, sen entender nada, só a sentir o peso do corpo del, até que, ao cabo duns minutos, el exaculou enriba da fotografía da súa pelve. Despois diso, ergueuse e foi para o baño asubiando, todo contento.

© Frantz Ferentz, 2012