Páginas

sábado, 31 de março de 2012

SOSTÉN O MINISTRO DA XUSTIZA...


O ministro conservador da xustiza en persoa, ben rodeado de xornalistas, acudiu ao apartamento da muller, mai solteira, para convencela de non abortar, porque recorrer ao aborto, sostiña, era o peor que ela podía facer. O seu caso fora ben movementado nas redes sociais por causa da situación desesperada da muller. Era un momento idóneo para o ministro e o seu partido conservador aproveitaren a situación ao seu favor.

Tras varias horas de monólogo florido, o ministro, sempre rodeado de xornalistas, convenceu a muller para non abortar. Díxolle que a nova lei a protexía e que podía sentirse feliz de traer un fillo ao mundo. Con efecto, a muller pariu o seu fillo e o ministro, que non esquecera o incidente, fíxolle chegar un ramo de flores ao hospital.

Só dous meses despois do parto, a muller recibía carta do banco avisándoa de que o seu apartamento ía ser desafiuzado por non poder pagar a hipoteca. Tentou acceder ao ministro varias veces para lle pedir axuda, mais foi inútil. Só lle quedaba unha solución.

Primeiro roubou un coxín con forma de coelliño nuns grandes almacéns e, a seguir, a través das redes sociais, anunciou que estaba grávida de novo e que ía abortar porque o ministro da xustiza non tiña palabra. A noticia correu como a pólvora, tanto que o ministro en persoa regresou ao apartamento da muller, novamente acompañado por un exército de xornalistas.

Atopouna alí soa co vulto que sobresaía do seu ventre, co fillo collido dunha man e unha mala de rodas na outra. E xusto cando o ministro comezaba o seu monólogo brillante, elevado e sintacticamente perfecto sobre a maternidade, chegaron os axentes xudiciais e a policía para executar o embargo do apartamento. A muller calculara perfectamente os tempos: quen ía ter o valor de desafiuzala alí co ministro dentro?

O que aconteceu despois foi que o coxín con forma de coelliño que escondía baixo as roupas se converteu no único coxín na historia que tivo asegurada unha pensión do Ministerio da Xustiza como vítima de erros xudiciais... até os dezaoito anos de idade. E todo grazas à ameaza da muller de contarlles aos xornalistas que aquel coelliño mol era fillo do ministro. E, ben mirado, o coelliño até se lle parecía ao señor ministro.


© Frantz Ferentz, 2012


Sem comentários: