Páginas

quinta-feira, 29 de março de 2012

PÍLULAS? CLARO QUE FUNCIONAN

Deixara de ver a Rascha varios meses, non tivera noticias directas dela durante moito tempo, até aquel día en que a atopei por acaso nunha parada do bus da praza cargada con bolsas de viaxe.

Despois dos dous bicos de rigor, pregunteille o que era da súa vida. Ela contoume que non ía acreditar como lle mudara a vida.

— E logo? —pregunteille curioso.

— Comecei hai xa tempo a vender produtos naturais de Herbexistence. Teñen pílulas para todo, para o físico e o psíquico. A min mudáronme a vida de todo e, ademais, gaño moitos cartos con elas. Deberías vir ás reunións que organizan todos os meses... Son coma unha gran familia.

Soábame a seita. Non a seita relixiosa, mais a seita económica. Porén, a Rascha insistía sobre as bondades daqueles produtos. En fin, eu, por non a defraudar, aceptei unhas pílulas que ela mesma me agasallou que servían, segundo ela dicía, para transmitir unha idea de persoa sensíbel perante, por exemplo, un xefe, á hora de ter unha entrevista de traballo. No frasco puña Versulina composita.

— Ademais —continuou a dicir—, tes que acompañala destoutras pílulas, é fundamental, avisan os especialistas de Herbexistence. Chámanse Imperceptibilina Fortior.

Levei os dous frasquiños. Tomei un par de pílulas de cada naquela mesma mañá. Precisamente tiña unha xuntanza de traballo co meu xefe superior, onde había venderlle unha campaña. No inicio, notei un efecto moi positivo, case que eufórico. Sentíame moi ben. Demasiado. Pensei que, se cadra, aquelas pílulas eran halucinóxenas. Despois, o que aconteceu na xuntanza, non o recordo moi ben... De feito, non recordo nada, souben do que aconteceu despois grazas ás cámaras de rexistro. Vinme perante o meu xefe a lle vender unha campaña publicitaria a recitar sonetos. O meu xefe non daba creto, só espetaba os seus ollos en min sen dicir unha palabra. Estiven media hora a explicarlle a campaña en verso. Foi así como comprendín o nome da medicina: versulina... E entón pensei nas outras pílulas: imperceptibilina. Claro, a súa finalidade era facerme non ser consciente do que facía, inhibía o meu sentido do ridículo.

Con todo, o máis incríbel foi que o meu xefe gustara da miña campaña. Consistiu na venda de calzóns de home con reforzo na entreperna á base de sonetos. E funcionou, certo que funcionou... entre as mulleres.

© Frantz Ferentz, 2012


Sem comentários: