Páginas

sexta-feira, 16 de março de 2012

DUELO DE MULLERES... OU NON

A N.F.V.

A Natalia atopouse finalmente cara a cara coa parella do seu ex marido. Examinouna de enriba a embaixo e contemplou o seu ollar cargado de odio e a súa pel pálida. Coincidiran no casamento do fillo, por tanto ela non estaba disposta a montar espectáculo ningún naquela data tan especial para o mozo, se cadra o seu ex tampouco. E aquela? Aquela... Como lle dixeran que se chamaba? Ah, si, Jeannette.

A Natalia, aínda que o seu divorcio fose un inferno, non ía organizar unha agarradela. Non era o seu estilo. Por iso, cando a Jeannette se puxo ao seu alcance, deu un paso e saudouna. 

— Ola, eu son Natalia —saudou da que estendía a man. 

A outra ficou inmóbil, mais os seus ollos eran un libro aberto. Destilaban aínda máis odio. Até a palidez habitual da súa pel transitou para unha cor roxa. Balbuciu algo que os presentes na festa non percibiron, mais a Natalia si, a Natalia percibiuno perfectamente.

Ao cabo a Jeannette estendeu a man, mais foi como quen ofrecía unha pescada morta, algo inerte, mórbido. A Natalia espetou os seus ollos nos da outra e díxolle nun ton de voz forte, perfectamente audíbel polos que estaban arredor:

— Sinceramente, non sei por que pensas tan mal de min. Deberías agradecermo, grazas a que eu mandei o meu ex ao carallo, tu puideches coñecelo e agora es ben feliz con el, ou non?


© Frantz Ferentz, 2012


Sem comentários: