Páginas

quinta-feira, 15 de março de 2012

AQUEL LIBRO ESTRAÑO



No principio non reparara nela, mais aos poucos dinme conta que se trataba dunha anciá de idade indeterminada que estaba sempre sentada nun banco do paseo ao lado do meu portal, xusto á hora en que eu voltaba do traballo por volta das seis. De inverno quedaba so o farol da rúa, de verán aturaba o sol, sen eu comprender como era capaz. Mais o curioso da anciá é que sempre, en pasando eu, sostiña un vello libro coa capa xa descolorida -probabelmente outrora fora ocre, mais era unha suposición-, onde nin sequera xa figuraba un título.

Debín pasar ao seu lado uns dous anos, sempre desde a segunda até a sexta-feira. Ela sempre coas mesmas roupas (ou moi semellantes), sempre alí sentada, sempre a ler no libro. Tanto foi así, que ao cabo a curiosidade xa foi máis forte ca min e un día, da que voltaba para casa, optei por sentar ao seu lado. Ela non se inmutou, seguiu a ler. Mais, daquela, ollando de esguello, descubrín que o libro, na realidade, non estaba escrito, as páxinas estaban en branco. Aí xa a miña curiosidade non puido sosterse, as rédeas que a mantiñan quieta saltaron e preguntei á anciá:

— Señora, perdoe a miña curiosidade, mais está a ler un libro en branco?

Ela, sen afastar os ollos do libro, respondeu:

— Xa rematei. Esta é a derradeira páxina. 

Efectivamente, era así. A muller, daquela, fechou o libro e dirixiu o seu ollar para min. Era cega.

— Agora é para vostede —e deume o libro.

Despois, a muller ergueuse do banco, estendeu o bastón pregábel branco de cego e marchou camiñando rúa abaixo mentres eu a contemplaba sen poder artellar unha palabra. Con todo, despois dun anaco abrín o libro. De inmediato notei como o libro me ía lendo a mente, até absorber todos os meus pensamentos, até ir cubrir as páxinas de letras que non eran senón as lembranzas que me ía roubando...  mais que axiña viraban invisíbeis, porque o libro se alimentaba delas. 

Desde aquela, que xa nin vexo nin teño lembranzas, sento eu tamén no banco todas as tardes á espera de que outro curioso veña sentar ao meu lado e poida agasallarlle este libro, que cargue con esta maldición, mais sospeito que xa, despois de tanto tempo, todos os libros son dixitais e ninguén quere vir a curiosear o que le este pobre vello que aínda pasa follas de papel. Eu, o derradeiro lector en papel no mundo, houben sufrir esta estúpida maldición...


 © Frantz Ferentz, 2012


Sem comentários: