Páginas

quarta-feira, 4 de janeiro de 2012

PROBAS DE ALCOLEMIA

O axente da orde fixo deter o auto. Saudou militarmente, rexo, o condutor do auto.

— Boa noite  —dixo secamente o axente ao condutor cos lentes de sol postos, porque era parte da súa estratexia atemorizadora que ninguén lle vise os ollos, aínda que estivesen en plena noite —. Ten que se someter a unha proba de alcoholemia...

O condutor non fixo xesto ningún, só ficou á espera de que lle pasasen o medidor. Víase que o condutor tiña experiencia, quitou o plástico e soprou con forza sen dar tempo ao axente para lle explicar como funcionaba. Despois devolveullo ao policía de tránsito.

— Aí ten —dixo o motorista amabelmente.

O axente agardou uns segundos até que saíu a medida.

— Non é posíbel... —murmurou o axente, que até quitou os lentes para comprobar que os ollos non o engabanan. Deixou á vista unhas bonitas pestanas.

O axente correu cabo do seu colega e mostroulle o visor. Ambos deles discutiron. Chamaron por uns colegas deles que tamén realizaban as probas non lonxe de alí. Non demoraron moito. Aos dous axentes, uníronse outros dous. Discutiron entre eles sobre a lectura da alcolemia.

Finalmente, o primeiro axente regresou onde o auto do condutor ao que lle fixera a proba. 

— Verá —o axente rebaixara o ton—, a lectura que fai o aparello di que vostede ten 73% de alcol en sangue, o cal, loxicamente, é imposíbel... Deberiamos repetirlle a proba con outro aparello, porque este ten que estar defectuoso... mais terá que esperar, porque aquí só temos este...

— Axente —dixo o condutor nun ton serio—. A lei di que me hei someter a unha proba. A proba xa está feita. O aparello está escarallado. Élle culpa miña? Non. Verá, sonlle xornalista. Imaxine o que rirían os meus lectores se eu lles conto isto...

O axente saudou militarmente e retirouse. Máis valía engulir o orgullo que ir visitar o comandante e ter que lle dar explicacións dun escándalo que causaría o riso de medio país.

O condutor arrancou. Daquela a súa dona, que até daquela estivera a durmir, acordou no asento do lado.

— E logo, fixéronche a proba da alcolemia?

— Fixeron.

— E deu como 75% de alcol no sangue?

— Deu, máis ou menos, como sempre...

— Fillo, esa túa manía de substituíres a maioría do teu sangue por viño, hache traer problemas algún día, ben verás... Aínda que che alede tanto a vida.


© Frantz Ferentz, 2012


Sem comentários: