Páginas

sábado, 7 de janeiro de 2012

O XUSTO É DE XUSTIZA

O director do banco houbo ver con toda impotencia como aquela figura miúda e que camiñaba devagar, mesmo a coxear moi levemente, que levaba unha máscara de Anonymus roubaba na súa sucursal: 111.000 euros. Levara xusto iso, nin un euro máis. Abondoulle con mostrar unha pistola (sería de xoguete?) para paralizar todos os presentes no banco e saír de alí tranquilamente co botín.

Malia as moitas pesquisas da policía, nos dous primeiros días non atoparon rastro ningún que os levase até o atracador. Non sabían como era posíbel que alguén, aparentemente coxo, tivese sumido sen deixar unha triste pista.

Catro días despois, no gabinete do director presentouse a viúva de Ximénez con 109.000 euros en metálico para saldar a hipoteca e evitar así o desaloxo da súa vivenda por non pagar as cuotas desde había meses. O director notou daquela que a vella coxeaba e que a estatura correspondía coa do atracador, mais non tiña maneira de demostralo. Ademais, quen ía crer que unha anciá de setenta e moitos anos podería ter asaltado un banco. Aínda así, a curiosidade comíao:

— E agora entre nós, señora Ximénez. Roubou vostede neste banco hai uns días?

A anciá, coas notas de cincocentos euros na man, só sorría.

— Xa vexo que o fixo para liquidar a hipoteca —comentou o director contando as notas, todas novas, como quitadas dun caixeiro automático—, mais calculou mal: levou 111.000 euros cando a súa hipoteca ascende a 109.000. Levou dous mil euros de máis, eh?

A señora Ximénez, moi digna, ergueu os ollos cara ao director e díxolle:

— Quen rouba a un ladrón, ten cen anos de perdón... E iso inclúe o goberno, que me conxelou a pensión, por tanto, dous mil euros extras son de xustiza... Coller de máis, xa é roubar, non sabe? E eu sonlle moi honesta. Que pase un bo día... e até outra...


© Frantz Ferentz, 2012


Sem comentários: