Páginas

domingo, 25 de dezembro de 2011

A recolectora de pelos.- Frantz Ferentz


Durante anos, a case muda Miroslava limpara os lares das familias podentes de toda a rúa por salarios de merda. Ela facía ben o seu traballo e ninguén lle dicía nada; ela limpaba, limpaba ben, mais ninguén lle ouvira nunca un protesto pola miseria que lle pagaban, tanto que até no inicio do ano, aqueles ricos a miúdo nin recordaban que lle había de aumentar o salario, e mesmo así ela calaba.

A Miroslava, porén, tiña unha obsesión. Recollía compulsivamente os cabelos que ficaban nos sumidoiros. Era unha cantidade considerábel a que alí caía; tratábase de cabelos da cabeza, sedas ou cabelo púbico, aínda que este último era o que máis ela apreciaba. Sen que ninguén se decatase, ela gardaba todo en bolsiñas de plástico sacaba de todas as casas onde traballaba.

A vella morreu de repente. Só notaron a súa ausencia porque as casas comezaban a encherse de merda. Cando a policía, cabo dunha semana da súa falta, entrou no seu mísero apartamento, descubriu que, porén, a muller vivía entre vestidos dun tecido semellante à seda. Ela xacía no seu leito, morta por causas naturais —desnutrición basicamente—, por iso axiña se esqueceron dela e levaron os vestidos a analizar. A conclusión foi incríbel, estaban feitos a man con pelo humano tratado. Mais o tratamento do pelo humano, ese levárao a Miroslava para a foxa... ou ían querer que por catro euros de merda, por riba lles dixese a aqueles coiróns como transformar o cabelo púbico en algo semellante à seda?


© Frantz Ferentz, 2011


Sem comentários: