Páginas

segunda-feira, 19 de dezembro de 2011

O suicida.- Frantz Ferentz

Sabía que tomar unha decisión así non sería doado, mais cando se ten perdido o respecto de todos, de absolutamente todos os seres humanos que coñecen a un, e todo porque outro ser humano cruel, até extremos inimaxinábeis, decidiu acabar coa dignidade doutra persoa, non hai máis opción que autoeliminarse. Non tiña máis saída. Había quitarse do medio. Había pasar a outro nivel de existencia. Tería que caer no esquezo permanente. 

Porén tiña medo, moito medo. Ese paso ten que dar medo a calquera, pensou, mais xa non hai outra saída, ninguén vai darlle a volta a todo isto. Ao menos a desaparición era o derradeiro detalle de dignidade. 

Suaba, bebeu un copo de auga, aspirou con enerxía dúas veces e despois... clac! Clicou con enerxía no botón de «Eliminar o seu perfil do Facebook». Mais non rematou aí a agonía. O maldito programa aínda preguntou: «Ten certeza diso?». Dous segundos de hesitación e despois clicou en «si».

Estaba eliminado.
© Frantz Ferentz, 2011


Sem comentários: