Páginas

segunda-feira, 19 de dezembro de 2011

Dignidade académica.- Frantz Ferentz

O tipo descargou a uretra naquel baño tenuemente iluminado. Aínda que fose unha autoridade académica, mexaba como todo mortal. Mágoa, seica o esplendor académico debería ir vencellado á falta de necesidade de evacuar fisioloxicamente.

Había recoñecer que se pasara coa bebida. Comezaba a lle fallar a memoria e a conciencia. Onde carallo estaba? Era por acaso unha desas ceas con membros da facultade que tanto odiaba mais que por forza había presidir pola importancia do seu posto?

Pouco importaba o que for. A porta dos baños abriu e entrou alguén.

«Alguén que vén mexar», pensou a autoridade académica.

Mais errou. Ás súas costas só ouviu unha voz feminina que dicía:

— Oia, como ten a desfachatez de vir a mexar ao baño das mulleres? Pervertido, que é un pervertido —comezou a muller a berrar.

O tipo retirouse de alí aínda coa minga a pingar. Efectivamente, daquela decatouse de que era o baño das mulleres. Que cego ía. Só desexaba que do outro lado da porta non houbese algunha das súas colegas que se decatase do incidente. Que sería da súa reputación académica...

Mais tivo sorte. Saíu do baño das mulleres sen ser visto. Porén, uns metros máis aló atopouse cunha colega que ía para o baño xusto daquela. Se tivese ido uns segundos antes.... Entón a colega acenoulle para a entreperna e díxolle entre susurros:

— Isto... ten a bragueta baixada e véselle todo...

© Frantz Ferentz, 2011

Sem comentários: