Páginas

sábado, 17 de setembro de 2011

Dezaoito



Puxen a nota: Suspenso. Notei que entón a folla do exame comezaba a buligar. Afasteime espantado. A seguir, o exame entrou en combustión e inmolouse. Nunca pensei que un exame fose capaz de suicidarse.

Dezasete




Xusto despois de corrixir unhas liñas dun exame, petaron na miña porta. Abrín. Era un inspector da Sociedade de Autores disposto a denunciarme por modificar unha resposta de exame e así atentar contra os dereitos de autor.


Dezaseis


Nunca un estudante soubera compor unha resposta tan fermosa para reflectir aquela situación. A súa resposta era pura poesía, a lírica asulagaba todo o papel. Cunha mágoa inmensa, houben suspender o exame. A poesía, embora sexa celestial, non serve para responder a un problema de matemáticas.

Quince


Cheguei a un exame que tiña a sensación de xa ter corrixido noutra ocasión. Era horroroso. Marqueino todo con furia en vermello, que descaro presentar un exame así, pensei daquela. Cando ollei para o nome, vin que eu mesmo era o autor daquel exame. Fixérao vinte anos atrás.

sexta-feira, 16 de setembro de 2011

Catorce


Noto que de entre os exames sae un cheiro a flatulencia. Non dou crédito, mais é así. Son testemuña dun peído dun exame. O que aínda non sei é se o exame en cuestión ten un problema de gases ou se se trata dunha manobra de distracción para eu perder a concentración...

Trece




Despois de pasar tres días ininterrompidos a corrixir, cando rematei cos exames, seguín a corrixir a lista das mercas, a redacción das facturas, as multas de tráfico... e xa non podo parar.


Doce

Depois de ter corrixido oito exames e telos suspendidos todos, o seguinte que atopei na morea non foi un exame, mais o meu certificado de defunción. Captei a mensaxe. A partir de aí aprobei todos os exames.

Once



Era un misterio para min entender como, malia eu ir corrixindo exames a bo ritmo, a montaña deles non rebaixaba. Ao final comprendino: os malditos exames reproducíanse.

quinta-feira, 15 de setembro de 2011

Dez


Nunca vin exames peor feitos ca estes, non sei o que facer para melloraren. Vou probar a insultalos, talvez sexan exames cun chisco de dignidade.

Nove


No inicio non entendía por que aquel exame tiña tantas letras "o". A súa proporción era descomunal, sobraban case todas. Porén, sen eu me decatar, aproveino, embora fose un exame digno de ser suspendido. Máis tarde comprendín que  os oes do texto eran ollos hipnóticos destinados a min, que me puxeron en transo para aprobar aquel exame.

Oito



Despois de pór a nota (suspenso), as palabras do exame comezaron a recolocarse. Na primeira liña apareceu escrito: «Teña piedade, profesor, foi un exame moi complicado»; na segunda comezou a letra daquela canción que dicía: «For he's a jolly good fellow...»

Sete


Despois de pór a nota do exame e que dese suspendido, este ergueuse, saltou e tentou morderme a xugular. Nunca na vida pensara que existían exames zombis, mais por acaso agora corrixo co pescozo protexido.

Seis


Trazo unha liña vermella co meu marcador sobre a palabra mal escrita no exame. Fágoo con vehemencia. A palabra, ante a miña sorpresa, esvaece e morre. Daquela, a tinta vermella, loxicamente, convértese en sangue.

Cinco


Abro unha cervexa mentres fago unha pausa cos exames. Unhas pingas caen no exame. Varias palabras corren até a nódoa de cervexa e comezan a beber nela como se fosen peregrinos sedentos no deserto.

Catro



Da que paso o marcador por riba dalgunhas palabras mentres corrixo, noto que algunhas palabras rin. Arre demo, se acontece que teñen cóxegas, mais iso non quita para o exame ser un desastre.

Tres




Horror. Acabo de pór a nota sobre unha palabra no exame e esta vén de berrar. Fixándome ben, vexo que a palabra en cuestión di "sensibilidade". Claro, agora entendo por que lle afectou tanto, coitada.

Dous




Veño de comezar a corrixir exames e xa teño un ollo preto porque hai estudantes cunha letra tan agresiva que salta até os ollos e baten neles. Toca corrixir con lentes de sol.



Un





Non sei se é a miña imaxinación ou se verdadeiramente as letras dun certo examen saltan polo papel e provócanme para eu as seguir. Non vou caer na provocación, vou avaliar cos ollos pechados.

QUEN DIXO QUE CORRIXIR NON É RUÍN PARA A SÁUDE?



QUEN DIXO QUE CORRIXIR NON É RUÍN PARA A SAÚDE


Frantz Ferentz
All rights reserved worldwide